venres, 27 de febreiro de 2026

Día de Rosalía!

O pasado 23 de febreiro, conmemoramos no noso centro o Día de Rosalía de Castro, unha das figuras máis importantes da nosa literatura e símbolo da lingua e da cultura galega.

Para celebrar esta data tan especial, todo o alumnado —desde Infantil ata 6º de Primaria— participou nunha actividade común chea de creatividade e sentimento.

Cada curso traballou un poema diferente de Rosalía, achegándose á súa vida e á súa obra a través da lectura, a reflexión e distintas propostas na aula. Como produto final, cada neno e nena elaborou unha flor, na que escribiu un verso do poema que estiveron a traballar.

Pouco a pouco, fomos creando entre todos e todas un fermoso xardín literario, cheo de cor e de palabras. Cada flor representaba non só un anaco de poesía, senón tamén o esforzo, a ilusión e o respecto pola nosa lingua. Foi unha xornada moi especial, na que puxemos en valor a importancia de coidar e celebrar o noso patrimonio cultural.

Deixámosvos a continuación algunha recopilación de fotos e un video da celebración.










Ademais, este ano tamén participamos xunto coa Asociación Brogán do Grove e co resto de centros educativos do concello nunha actividade conxunta, na que interpretamos o poema “Seguimos bebendo”. Foi unha experiencia moi enriquecedora compartir esta celebración con outros colexios.

A continuación, deixámosvos o vídeo completo coa participación de todos os centros.



Grazas a todo o alumnado e profesorado pola súa implicación, un ano máis, a poesía de Rosalía no noso cole 🌺


mércores, 25 de febreiro de 2026

4º divírtese co multideporte

  O grupo de 4º visitou o CEIP As Covas-Meaño para participar nunha xornada de multideporte de Xogade. Houbo moito tempo para xogos e deportes, pero tamén para facer equipo e coñecer a novos nenos e nenas, nun ambiente lúdico.

Seguimos en movemento!













martes, 24 de febreiro de 2026

ENTROIDO NO ROSALÍA!

Os nenos e nenas do Rosalía saímos encher as rúas do pobo de cor e alegría para festexar o entroido!
Coa temática do noso PDI “O ARTE”, cada curso ataviouse para a ocasión representando algún dos distintos tipos de arte (escultura, arte dramático, fotografía…).
 Que ben o pasamos! 

 

5ºB xogando en Nantes

 A clase de 5ºB visitou o CEIP Plurilingüe Nantes para compartir unha mañá de deporte e diversión cos nenos e nenas deste colexio veciño. 

Dende logo, foi unha mañá intensa e moi activa.






















ENTROIDOS GALEGOS: O entroido de Cobres

Como cada ano, conmemoramos un dos entroidos máis característicos da nosa terra. Este ano homenaxeamos O ENTROIDO DE COBRES.

Deixámosvos por aquí o mural colaborativo que fixemos entre todos e todas, a partir de información atopada a través de investigacións deste entroido tan característico. 

Agardamos que vos guste!





xoves, 19 de febreiro de 2026

23 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

 

🌸 23 de febreiro: Día de Rosalía de Castro


Cada 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía de Castro, unha das figuras máis importantes da literatura galega e unha muller pioneira na defensa da nosa lingua e da nosa identidade cultural.

Rosalía de Castro naceu en Santiago de Compostela no ano 1837. Desde moi nova mostrou interese pola literatura e pola realidade social que a rodeaba. Viviu nunha época na que o galego estaba pouco valorado e apenas se utilizaba na escrita culta. Aínda así, decidiu escribir na nosa lingua, contribuíndo á súa dignificación e recuperación.

A obra de Rosalía de Castro é fundamental para comprender a literatura galega e o Rexurdimento. A través dos seus libros, a autora deu voz ao pobo galego, reflectindo a vida cotiá, as tradicións, a emigración e as inxustizas sociais da súa época.

Escribiu tanto en galego como en castelán, mais foron especialmente importantes as súas obras en lingua galega, xa que contribuíron á súa valorización literaria e cultural. Entre todas elas destacan poemarios que hoxe son considerados símbolos da identidade de Galicia. Entre as súas obras, destacar:

  • Cantares Gallegos: É a súa obra máis coñecida e a que marcou o inicio do Rexurdimento galego. Nela exalta Galicia, a súa lingua, as tradicións e a vida do pobo galego, dándolle dignidade literaria ao galego.
  • Follas Novas: Un libro máis profundo e intimista. Trata temas como a emigración, a morriña, a pobreza e as inxustizas sociais que sufría o pobo galego.
  • En las orillas del Sar: Escrito en castelán, é unha obra poética moi reflexiva, centrada nos sentimentos, a soidade, o paso do tempo e a visión máis persoal da autora.
Ademais, aquí tedes actividades variadas para realizar:

Lembrar que o curso pasado vivimos un momento moi especial no noso centro, que foi a creación da canción de 6º e a gravación do seu videoclip. Foi un proxecto cheo de creatividade e traballo en equipo, no que o alumnado puxo palabras e emoción a todo o que quería expresar.

Non queremos que ese esforzo nin esa experiencia tan bonita queden no esquecemento. Aquel videoclip non foi só unha gravación, foi o reflexo da súa capacidade para crear. Cada estrofa, cada imaxe e cada sorriso forman parte da nosa historia como comunidade educativa.

Que aquela canción de 6º siga soando na nosa memoria.





mércores, 4 de febreiro de 2026

OS MANDADIÑOS DO MECO

 Boas tardes, familias!

Achégase unha das semanas máis agardadas, divertidas e cheas de cor do ano, esa que en O Grove vivimos con especial ilusión. 🎭🌈 O Entroido xa está á volta da esquina e con el chegan a alegría, a creatividade e as ganas de festexar xuntos.

Hoxe queremos presentarvos os Mandadiños do Meco, os nosos grandes aliados para ir quentando motores. Como xa sabedes, serán eles os encargados de guiarnos e axudarnos a vestirnos durante a vindeira semana, do 9 ao 13 de febreiro, enchendo o cole de disfraces, risas e moita imaxinación.

Ide preparando accesorios, cores e sorrisas, porque…isto está a piques de comezar!


martes, 3 de febreiro de 2026

DÍA DA PAZ

 O pasado venres 30 de xaneiro, celebramos o "Día da Paz"

O alumnado de 6º preparou un fermoso manifesto e xuntos cantamos e bailamos

Tamén puxemos a funcionar a nosa "lavadora PaCifiCaDoRa"! Cada aula puxo no cesto da "roupa sucia" unha camiseta cunha palabra fea e colleu da pacificadora unha palabra bonita que colgamos no noso tendal, no recuncho do corredor "PACIFICA AS TÚAS VERBAS"

Foi un bonito día para conmemorar pero... non debemos esquecer que debemos colaborar e conmemorar a PAZ tódolos días do ano!


 




mércores, 21 de xaneiro de 2026

Multideporte 5ºA en Conmeniño

 5ºA de Primaria gozou dunha xornada de xogos e multideporte no CEIP Plurilingüe de Conmeniño. Non podían faltar deportes como o baloncesto, balonmán ou fútbol e xogos como o sempre solicitado datchball. 

En definitiva, unha mañá intensa e divertida cun colexio veciño!