luns, 3 de febreiro de 2025

23 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Rosalía de Castro nace en Santiago de Compostela o 23 de febreiro de 1837 e é rexistrada como filla de pais descoñecidos, aínda que hoxe sabemos que foi filla do sacerdote José Martínez e de María Teresa de la Cruz de Castro, de familia fidalga. Os seus primeiros anos de vida pasaron no pazo de Ortoño, propiedade da familia paterna, pero sen contacto co seu pai nin a súa nai. Cando Rosalía xa tiña 12 anos a súa nai faise cargo dela e lévaa a vivir a Padrón e, posteriormente, a Santiago de Compostela. En 1856, con dezanove anos, trasládase a Madrid, e coñece a Manuel Murguía co que casará uns anos despois. 

No ano 1859 publícase a súa primeira novela «La hija del mar» e, uns anos despois, o seu primeiro libro de poemas «La Flor», ambos os dous en lingua castelá.

Posteriormente, en 1863, aparece «Cantares Gallegos» e en 1880 «Follas Novas», dous libros de poemas, en galego, que consagrarán a Rosalía como a gran poeta galega de todos os tempos

Un 15 de xullo de 1885 falece Rosalía na súa casa de Padrón e é enterrada, baixo unha oliveira, no cemiterio padronés de Adina. Seis anos despois os seus restos foron trasladados ao Panteón de Galegos Ilustres, no convento compostelán de San Domingos de Bonaval.

Rosalía de Castro é unha figura fundamental para a lingua e a cultura galega, por iso esta é unha data especial. Son moitos os poemas nos que Rosalía manifesta un fondo compromiso con Galicia,  cos galegos e as galegas, coa lingua, coa cultura e tamén co medio ambiente. 

Por esta razón, aquí vos deixamos diferentes recursos que poderedes aproveitar para coñecer un pouco máis da escritora que da nome ao noso centro:

Ademais, aquí tedes variadas actividades para realizar nas aulas:

E como non, non podía faltar o rap do noso centro "O RAP DO ROSALÍA", o cal foi creado o pasado curso por dita data. 

Non vos esquezades del... porque prontiño teremos novas 😉.


Deica a próxima!


-  

Ningún comentario:

Publicar un comentario